Friday 26 de April de 2024

A Xunta promove a divulgación dos oficios artesanais galegos na 39 Mostra de Artesanía do Couto


A Fundación Artesanía de Galicia patrocina tres obradoiros de iniciación á olería, á cestería e á estampaxe manual, que se celebrarán mañá domingo en Ponteceso no marco da programación do Festiletras

A Xunta de Galicia estará presente mañá domingo na 39 edición da Mostra de Artesanía do Couto (Ponteceso), que se enmarca na programación do Festiletras deste ano. Así, a Fundación Artesanía de Galicia patrocina tres obradoiros gratuítos abertos ao público familiar para iniciarse na olería, na cestería e na estampaxe manual, unhas actividades que se levarán a cabo de 11:00 a 20:00 horas.

O primeiro dos obradoiros estará impartido polo ceramista Carlos San Claudio (Vigo) e permitiralle aos asistentes coñecer as técnicas básicas do torneado e elaborar pezas en barro. A cesteira Julia de la Cal, do obradoiro La Parabólica (O Porriño), encargarase de iniciar aos participantes nas técnicas básicas para a elaboración dun cesto con médula. Pola súa parte, a artesá Sandra Betanzos, do obradoiro Amorote (Ames), amosará unha das técnicas de estampaxe máis tradicionais e versátiles, o block printing, tanto no téxtil coma no papel.

Con este tipo de iniciativas a Xunta de Galicia pretende contribuír á posta en valor e á divulgación dos oficios tradicionais galegos, así como a transmitir os valores do feito á man especialmente entre os máis novos.